Medidas Fronte á COVID-19 na FIC

Resumo

Horarios

O alumnado de primeiro comezará ás 8:30, o de segundo ás 8:25 e o de terceiro ás 8:20. As clases seguintes comezarán ás 9:30, 9:25 e 9:20 respectivamente. A duración das clases de docencia expositiva será de 50 minutos e a das prácticas de 110 minutos (agás as clases dos itinerarios do GEI que será de 80 minutos tanto teoría como práctica).  O motivo é dobre: por un lado graduar as entradas e saídas do centro e das aulas evitando a masificación; e por outro habilitar rañuras temporais para permitir a ventilación das aulas e facilitar ao servizo de limpeza a desinfección da aula cando haxa un cambio no grupo de alumnos. Pola tarde a situación repetiríase do mesmo xeito. 

Exames 

Os exames finais serán presenciais nas aulas habilitadas para iso (se as circunstancias, chegado o momento, permíteno) e as probas de avaliación continua poderán ser en aula en todos os casos (mencións incluídas), se o profesor ou profesora encargado así o decide. Para o mesmo fin poderá usarse a Aula de Exames previa reserva.

Docencia na aula 

A docencia presencial na aula é a opción maioritaria. Porén haberá un grupo en primeiro, outro en segundo e outro en terceiro que terá docencia teórica a través de Teams. A correspondente docencia práctica desenvolverase con normalidade de maneira presencial na aula ou laboratorio asignado nos horarios. 

Toda a docencia nos itinerarios será a través de Teams. Aínda así, as aulas asignadas nos horarios permanecerán abertas á disposición do profesorado que desexe impartir a clase dende elas e dos estudantes que queiran asistir ou seguir o seu desenvolvemento. Para o mesmo fin, habilitaranse tamén algúns seminarios para o seu uso docente previa reserva en espazos.udc.es.

Equipos informáticos

Por motivos de hixiene non haberá equipos informáticos de uso compartido nos laboratorios de prácticas.

Entradas e saídas 

As portas de entrada e saída atópanse rotuladas e ben diferenciadas para facilitar o fluxo de estudantes e traballadores ao centro.

Aforos 

Todos os espazos da Facultade contarán con carteis indicando as capacidades máximas mantendo a distancia interpersoal de seguridade. Nos espazos comúns como Salón de Actos, Sala de Xuntas e Aula de Graos delimitaranse as prazas que se poderán utilizar para sentar.

Corredores 

Co fin de garantir a distancia de seguridade nos desprazamentos polo centro colocouse sinalización horizontal no chan indicando as direccións de circulación. Do mesmo xeito atópanse sinalizadas as escaleiras.

Ascensores 

O uso dos ascensores é individual, tendo prioridade persoas embarazadas ou con limitacións de mobilidade.

Aseos 

Os aseos contan con carteis informativos limitando a súa capacidade e sobre como lavar as mans de forma correcta. Instaláronse dispensadores de papel para secado de mans. Os secadores de mans atópanse fora de servizo.

Xel hidroalcólico 

Instaláronse dispensadores de xel hidroalcólico en puntos estratéxicos da Facultade, como nas entradas e corredores do segundo e terceiro andar, ou nos accesos aos distintos servizos, como Conserxaría, Administración, UADI, CECAFI ou Biblioteca. O persoal dos distintos servizos xa conta con dispensadores de uso restrinxido. Intentarase dotar deles aos laboratorios de investigación.

Anteparos 

Na Biblioteca e na Administración colocáronse separadores nos mostradores de atención ao público.

Aulas 

As aulas con dúas portas terán sinalizadas a entrada na parte posterior e a saída na parte dianteira para facilitar os fluxos de estudantes. Colocaranse distintivos vermellos sinalando os asentos que deben quedar baleiros en razón da distancia de seguridade interpersoal. Ademais, marcarase cunha liña amarela na parte dianteira a distancia de seguridade mínima na que o docente pode desenvolver a clase sen necesidade de usar máscara. 

As fiestras e portas das aulas estarán abertas por defecto. No caso de pechalas durante a clase o profesor ou profesora deberá asegurarse que, ao finalizaren, fiquen abertas para permitir a ventilación.

Laboratorios e Climatización 

Os técnicos do Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos revisaron os sistemas de climatización dos distintos laboratorios do centro e están a tomar todas as medidas recomendadas. 

Seminarios, Salas de Reunións e Laboratorios de investigación 

Dotarase a este espazos de pequenos kits de desinfección (desinfectante e dispensador de papel) para libre disposición dos usuarios.

Limpeza 

De acordo coa empresa da concesión estableceuse un protocolo de limpeza do que xa informamos (catro quendas para os aseos, dúas quendas para Conserxaría, Biblioteca e Laboratorios de Investigación, e unha quenda para o resto). 

Respecto ás aulas, a nosa intención é realizar as tarefas de desinfección en cada cambio de grupo docente, é dicir, cada dúas horas nos grupos de primeiro, segundo e terceiro. Ademais, a Xerencia está a traballar para poder implantar as correspondentes esixencias en materia de desinfección das autoridades.

Máscara 

Atendendo á normativa vixente na actualidade, todas as persoas que accedan á Facultade de Informática deberán facer uso da máscara agás no suposto de que se poida permanecer sentado e garantindo o mantemento da distancia de seguridade en todo momento. Isto quere dicir que poderán quitar a máscara: 

  • os alumnos se gardan a distancia e sentan nos postos marcados como válidos,  
  • o profesorado cando estea no seu despacho ou na aula (sempre que respecte a liña amarela de seguridade), 
  • o resto de persoal (administración ou de investigación) nos seus postos de traballo.

Plan de Prevención e Hixiene

Existe un plan promovido polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais onde se recollen todas as medidas que en materia de seguridade fronte a pandemia é necesario adoptar e, en particular, como se reflicten no noso centro.

Normativa