A idea de crear na Coruña unha Escola Universitaria ou unha Facultade de Informática empezou tomar corpo entre 1983 e 1985, promovida desde diferentes lugares. Desta demanda fíxose eco o profesor Alfredo Bermúdez de Castro, Vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela, conseguindo que a reitoría convocase unha reunión para debater a cuestión, en que participaron académicos e profesionais. Naquela primeira reunión aínda se ouviron voces que poñían en dúbida a consistencia da materia Informática no seu carácter superior e a súa especificidade profesional, e defendían a súa incorporación como unha cuestión máis, mesmo menor nos currículos e no marco de acción profesional doutras carreiras. Representantes de Vigo, con máis visión de futuro, propoñían "irmandala" a outras enxeñarías, considerándoa como unha evolución natural das súas disciplinas básicas. Aínda así, a maioría consideraban conveniente a definición dun espazo académico propio para a Informática, como un reto para a Universidade, proclamaban a súa singularidade, e evidenciaban a necesidade de lograr desde o principio unha gran cohesión co mundo empresarial.
En tal situación, a Universidad de Santiago tivo a acertada idea de convocar a debate ás empresas informáticas e profesionais máis relevantes do país naquel momento, así como aos representantes das Facultades e Escolas de Informática existentes, coa finalidade de tratar de determinar a mellor orientación dos futuros estudos superiores de Informática en Galicia. Co apoio da Deputación, celebrouse no Pazo de Mariñán unha importante reunión que deixou sentadas as bases da carreira, e a voz do pragmatismo imperou.Esta posición era gañadora, e non había que perder a ocasión de reivindicar para A Coruña os estudos, posto que na Coruña nacera a iniciativa. Coa participación de varias institucións, entre as que salientaron a Deputación e o Concelllo, iniciouse unha estratexia que unía a idea do desenvolvemento da cidade á do desenvolvemento do seu campus universitario. Fíxose especial fincapé en que a informática era transcendental para o sector terciario, de servizos, esteo fundamental da economía da Coruña. Isto estaba de acordo coa cualificación da cidade e equilibraba o mapa universitario, algo escorado polo peso da Politécnica de Vigo.
Comenzou a escola a súa andadura nalgunhas aulas e locais que cedeu a Escola de Aparelladores. Chegaron a compartir un despacho entre cinco profesores, e o alumnado examinábanse en taboleiros de debuxo.A Universidade de Santiago creou, en 1986, a Escola Universitaria de Informática da Coruña, como primeiro paso para a creación dunha facultade, e nela integráronse importantes figuras académicas e algúns profesionais copromotores da idea. Todos eles profesaron a docencia cun enfoque evolutivo. Entre todos elaboraron un primeiro Plano de estudos innovador e algo revolucionario, eclético na súa composición, porque tendía unha ponte entre o académico, o científico, e a aplicabilidade e a praxe. Esta proposta foi aprobada moi rapidamente polo Consello de Universidades.
Pouco a pouco foron mellorando as dotacións e chegou a facultade e as primeras promocións de licenciados/as. Fundouse a Universidade da Coruña, e por fin se construíu o actual edificio, que se inaugurou en 1993.
Novos planos de estudo, e a inevitable chegada das Enxeñarías Informáticas, como recoñecemento maduro do final dunha polémica que durou anos, e con todas as dificultades que supoñía asumir esta orientación, configuran o panorama en que nos atopamos, ao que non é alleo a necesidade de converxencia coa formulación dos estudos universitarios en Europa.
A Facultade da Coruña foi, é e seguirá a ser un centro de referencia, e neste sentido manifestan o seu compromiso todas as personas que a integran.
Miguel Rodríguez Rubio