Descarga aquí a guía informativa sobre a FIC.
Descarga aquí a guía de primeiros pasos na FIC.
Mensaxe do Decano
Benvidos á Facultade de Informática da Universidade da Coruña, a FIC.
A nosa facultade empezou a súa andaina no ano 1986, entón dependente da USC. A creación, pola Lei 11/1989 do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, da Universidade da Coruña, amparou a súa integración nesta nova Universidade. Pouco despois, en 1993, acadamos a nosa ubicación actual nun edificio do Campus de Elviña, ás portas da Coruña. Neste enlace da Galipedia podedes consultar a historia da nosa Facultade.
Titulacións impartidas na FIC
O noso compromiso coa calidade é indubidable, repousando, en boa parte, na investigación desenvolvida polos grupos constituídos no centro e nunha forte relación coas empresas da nosa contorna e con centros tecnolóxicos como o CITIC. Esta relación favorece a realización de prácticas en empresas (curriculares e extracurriculares) e permite a organización continuada de charlas de contrastados profesionais informáticos, moitos deles egresados do noso centro. Tamén desembocou recentemente na convocatoria do "Premio ao mellor Traballo Fin de Grao aplicado", que conta co apoio de 5 grandes grupos empresariais da nosa contorna.
Así mesmo, preocupámonos de potenciar programas de mobilidade, que se viron moi favorecidos coa introdución dunha liña de docencia en inglés no curso 2015/16. Estes programas de mobilidade inclúen tanto accións no marco xeral da convocatoria europea Erasmus como accións bilaterais, como a que mantemos coa University of South Wales, que posibilita aos alumnos que a elixen completar o seu ciclo cunha dobre titulación, española e galesa.
Queremos tamén destacar a nosa preocupación pola divulgación da informática entre os máis pequenos, tentando fomentar o pensamento computacional en capas o máis amplas posibles das novas xeracións, non só naqueles que exercerán como profesionais da informática. Nesa liña colaboramos en eventos como a Semana da Programación, a Hora do Código ou a First Lego League.
O resultado é un centro moderno, dinámico, aberto, con afán de superación. Convidámoslles a coñecernos, e, ante todo, reciban un cordial saúdo, en nome de todos os Estudantes, Profesores e Persoal de Administración e Servizos da FIC.
Decano da Facultade de Informática