Xornada de benvida curso 2022/2023
O próximo luns 5 de setembro realizarase unha xornada de benvida para o alumnado que ingresa por primeira vez en titulacións de grao na Facultade de Informática. Así, o luns 5 non haberá clase das materias de primeiro curso, pois temos reservado o día para outras actividades.
Unha das principais actividades da xornada de benvida é o lanzamento do programa de mentoring, que consiste en que alumnado que xa leva un tempo na Facultade acompañe ao alumnado de novo ingreso na súa aterraxe no centro, mantendo reunións periódicas para resolver as dúbidas que poidan ter. Aínda que haberá reunións cos mentores durante todo o curso, o luns 5 celebrarase a primeira delas, polo que o novo alumnado coñecerá aos seus mentores.
A xornada de benvida celebrarase no Salón de Actos da Facultade (planta 0), co seguinte horario de actividades:
- 10:00 a 10:30 – Benvida do Decano da Facultade de Informática, coas persoas encargadas da coordinación dos distintos títulos de grao do centro.
- 10:30 a 12:30 – Seminario “Técnicas de estudo e xestión do tempo”, no que se tratarán recomendacións sobre como abordar un primeiro curso universitario en titulacións no ámbito das Enxeñarías.
- 12:30 – Lanzamento do programa de mentoring: explicaranse brevemente os obxectivos do programa de mentoring da Facultade, e o alumnado de cada grupo de prácticas trasladarase a distintas aulas cos mentores de dito grupo para manter a primeira xuntanza do programa.
No resto deste documento tedes instrucións para consultar o voso grupo de prácticas.
Grupos de prácticas e xuntanzas do programa de mentoring
No voso primeiro ano na Facultade, estaredes asignados a un grupo de teoría e un grupo de prácticas, que marcarán o voso horario lectivo. Cada grupo de prácticas ten asignados dous mentores ou mentoras. Nos próximos días poderedes consultar o voso horario lectivo e o voso grupo de prácticas na plataforma http://espazos.udc.es:
- Se estudas o Grao en Enxeñaría Informática (GEI) e ao consultar o teu horario estás no grupo 1.AXO.2.1, é que o teu grupo de prácticas é o GEI.2.1.
- Se estudas o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (GCED) e ao consultar o teu horario estás no grupo 1.MD.11, é que o teu grupo de prácticas é o GCED.1.1.
- Se estudas o Grao en Intelixencia Artificial (GIA) e ao consultar o teu horario estás no grupo 1.MD.11, é que o teu grupo de prácticas é o GIA.1.1.
Datos de contacto
Se tedes algunha dúbida en relación á xornada de benvida, podedes poñervos en contacto con Óscar Pedreira a través do correo vicedecanato.organizacion.academica.fic@udc.es